Enero 2008: O Rostro Humano das Matemáticas (Galego) - Fermat (1601-1665) |
Martes 01 de Enero de 2008 | ||
Página 14 de 35
PIERRE DE FERMAT (1601 - 1665) Fermat foi un dos grandes xenios da cultura francesa, unha das figuras máis apaixonantes da Historia da Ciencia e un dos matemáticos máis eximios de todos os tempos. Con eminente erudición humanista e profundo coñecemento da antigüidade clásica, Fermat escribía con elegancia e fervor lírico versos en latín, francés e español. Pero a súa auténtica paixón, máis intensa aínda que a poesía, foron as Matemáticas –en plural, porque interveu de forma significativa en todos os campos: Xeometría clásica, Xeometría Analítica, Cálculo Diferencial e Integral, Probabilidade e Teoría de Números–. Fermat posuía un prodixioso saber sobre a Matemática grega. De Diofanto nace a súa inxente contribución ao nacemento e desenvolvemento da Teoría de Números –onde o seu nome vai asociado a un dos máis famosos problemas da Matemática, recentemente resolto–; de Apolonio e Pappus, máis á Álxebra renacentista de Vieta, xorde a súa Xeometría Analítica –o plano chamado Cartesiano con máis razón debería chamarse Plano Fermatiano–; e de ambas as influencias, en conexión cos traballos de Arquímedes, brotan numerosos artificios infinitesimais –diferenciais e integrais– que son as principais liñas directrices cara ao Cálculo Infinitesimal de Newton e Leibniz. Fermat plasmou nalgúns manuscritos só unha parte dos seus xeniais descubrimentos e talvez por modestia ou por non converter unha apaixonada afección en profesión –era xurista–, refusou publicar. O esencial da súa obra está na súa inesgotable correspondencia cos científicos coetáneos. Nas suas brillantes epístolas dá mostras dunha sutil intelixencia sintética, que descobre, inventa, analiza, argumenta, debate e demostra con vehemente paixón. É case lendario que Fermat escribía as súas observacións e achados nas marxes dos libros da súa magnífica biblioteca de obras da Matemática grega onde atopaba a inspiración das súas ideas. Aquí reside o mítico atractivo que ten a figura de Fermat que ocupa un lugar preeminente na mente e no corazón de todos os matemáticos. -------------------------------------- O último teorema de Fermat
A conxetura de Fermat, non demostrada ata 1995 por Andrew Wiles, foi un dos problemas máis célebres de toda a Historia da Matemática.
|
© Real Sociedad Matemática Española. Aviso legal. Desarrollo web |