Enero 2008: O Rostro Humano das Matemáticas (Galego) - Sophie Germain (1776-1831) |
Martes 01 de Enero de 2008 |
Página 20 de 35
SOPHIE GERMAIN (1776 - 1831) Sophie Germain foi unha matemática autodidacta. Naceu o día 1 de Abril de 1776, en París nas últimas décadas do Século das Luces. Os cambios políticos e sociais que se producían en Francia durante a súa nenez determinaron que, desde moi pequena, considerase a Ciencia e especialmente as Matemáticas, como o estímulo intelectual que daba sentido e tranquilidade á súa existencia. En particular impresionoulle a lenda da morte de Arquímedes, polos soldados romanos, mentres estaba absorto nun problema de Xeometría. Quedou tan conmovida polo forte efecto da Matemática, capaz de facer esquecer a guerra, que decidiu dedicarse ao seu estudo. Tiña 19 anos en 1795, cando se fundou a Escola Politécnica de París. Como as mulleres non eran admitidas (a Escola Politécnica non admitirá mulleres ata 1972) conseguiu facerse con apuntes dalgúns cursos, entre eles, o de Análise de Lagrange. Ao final do período lectivo os estudantes podían presentar as súas investigacións aos profesores, Sophie presentou un traballo asinándoo como Antoine-Auguste Le Blanc, un antigo alumno da escola. O traballo impresionou a Joseph Louis Lagrange (1736-1813) pola súa orixinalidade e quixo coñecer ao seu autor. Ao saber a súa verdadeira identidade, felicitouna persoalmente e predíxolle éxito como analista, animándoa desta forma a seguir estudando. Os seus primeiros traballos en Teoría de Números coñecémolos a través da súa correspondencia con C. F. Gauss, co que mantiña oculta a súa identidade baixo o pseudónimo de Monsieur Le Blanc. O teorema que leva o seu nome foi o resultado máis importante, desde 1738 ata 1840, para demostrar o último teorema de Fermat, ademais permitiu demostrar a conxectura para n igual a 5. Posteriormente as súas investigacións orientáronse á Teoría da Elasticidade e en 1816 conseguiu o Gran Premio das Ciencias Matemáticas que a Academia de Ciencias de París outorgaba ao mellor estudo que explicase mediante unha teoría matemática o comportamento das superficies elásticas (pretendíase explicar as experiencias de Ernst Chladni) e publicou varios libros sobre este tema. Nos últimos anos da súa curta vida, ademais de dous traballos matemáticos, un sobre a Curvatura de Superficies e outro sobre Teoría de Números, escribiu un ensaio sobre filosofía da ciencia que Augusto Comte citou e eloxiou na súa obra. -------------------------------------- Areas musicais... se se esparexe area nunha placa metálica e se lle fai vibrar con música, por exemplo un arco de violín, a area distribúese formando patróns xeométricos ordenados. |
© Real Sociedad Matemática Española. Aviso legal. Desarrollo web |