Enero 2008: O Rostro Humano das Matemáticas (Galego) - Madame de Châtelet (1706-1749) |
Martes 01 de Enero de 2008 |
Página 17 de 35
MADAME DE CHÂTELET (1706 - 1749) Gabrielle Émilie de Breteuil, marquesa de Châtelet era unha dama da alta aristocracia francesa que facilmente podía vivir unha vida inmersa nos praceres superficiais, e no entanto foi unha activa participante nos acontecementos científicos que fan da súa época, o século das luces, un período excitante. Nos seus salóns, ademais de discutir de teatro, literatura, música, filosofía... polemizábase sobre os últimos acontecementos científicos. Un cráter do planeta Venus leva o nome de Châtelet na súa honra. O 17 de decembro de 1706 naceu Madame de Châtelet, en Francia, durante o reinado de Luís XIV, e puxéronlle o nome de Gabrielle-Émilie Le Tonnelier de Breteuil. Émilie desde a infancia tivo o desexo de saber e fixo todos os esforzos para conseguilo. Sentía curiosidade por todo, e todo queríao comprender. Aos dezanove anos casou co marqués de Châtelet-Lamon. O 6 de maio de 1734 Voltaire afastouse de París, para fuxir da xustiza e refuxiouse no castelo de Cirey-Blaise, propiedade do marqués de Châtelet. Émilie decidiu ir vivir alí en 1735. Estudou a Descartes, comprendendo as relacións entre Metafísica e Ciencia, por iso mantivo durante toda a súa vida a esixencia dun pensamento claro e metódico, dominado pola razón. Mme. de Châtelet, divulgou os conceptos do Cálculo Diferencial e Integral no seu libro Las instituciones de la física, obra en tres volumes publicada en 1740 que foi escrita para que o seu fillo puidese comprender a Física. Non existía ningún libro en francés de Física que puidese servir para instruír aos mozos, e consideraba que era unha disciplina indispensable para comprender o mundo. No prólogo, dirixíndose ao seu fillo, comentaba as razóns que a levaron a escribir o libro, e onde mostraba a súa paixón polo coñecemento e o estudo, á vez que criticaba a ignorancia, tan común entre as xentes de rango. Cara a 1745 comezou a traducir os Philosophiae Naturalis Principia Mathematica de Newton do latín ao francés, con extensos e válidos comentarios e suplementos que facilitaban moito a comprensión. Con este traballo propagou o determinismo científico de Newton desde Inglaterra á Europa continental. Cando morreu Mme. de Châtelet en 1749 xa estaba terminada a súa tradución, que se publicou finalmente en 1759, cun eloxioso prefacio de Voltaire. -------------------------------------- Imaxes do libro "Las instituciones de la física" (1740) de Madame de Châtelet. |
© Real Sociedad Matemática Española. Aviso legal. Desarrollo web |