Nicolás Fontana naceu en Brescia (Italia). En 1512, durante a toma de Brescia polo exército francés, o seu pai morreu e Nicolás recibiu unha coitelada que lle afectou a mandíbula e o padal. Esta ferida ocasionoulle unha especie de tartamudez, que lle valeu o alcume de "Tartaglia" [= tartamudo]. Nicolás aprendeu a ler e a escribir por se mesmo e tamén foi autodidacta na súa aprendizaxe das ciencias físicas e matemáticas. Desde moi novo ensinou matemáticas en diversas cidades italianas.
A principal achega de Tartaglia ás matemáticas foi a resolución da ecuación de terceiro grao. O procedemento orixinal permaneceu inédito ata que Xerónimo Cardano o publicou no seu Ars Magna, sen o consentimento do autor. Este feito provocou que, ao ano seguinte, Nicolás Fontana publicase algúns comentarios despectivos sobre Xerónimo que orixinaron unha polémica entre Tartaglia e Ludovico Ferrari (1522-1565), outro dos grandes matemáticos italianos do Renacemento.
Outro dos méritos de Nicolás foi o de escribir o mellor tratado de Aritmética publicado en Italia durante o século XVI, o General trattato de numeri et misure, dividido en seis partes. As dúas primeiras configuran un manual de aritmética e as catro últimas expoñen un gran número de proposicións relativas á Teoría de Números e presentan unha interesante colección de problemas e recreacións matemáticas.
Nun dos seus estudos, o tartamudo de Brescia refírese ao "triángulo aritmético", coñecido como "triángulo de Tartaglia", que permite determinar os coeficientes do desenvolvemento (a + b)n. Nicolás Fontana morreu en Venecia.
|
Xerónimo Cardano naceu en Pavía (Italia) o 24 de setembro. Foi fillo ilexítimo do avogado Fazio Cardano, que lle iniciou no estudo das matemáticas e lle permitiu que estudase medicina na Universidade de Pavía. De alí pasou á Universidade de Padua onde completou a súa formación. Por aquel entón, Cardano era un empedernido xogador de cartas e dados cuxos coñecementos sobre probabilidade permitíanlle vivir do xogo.
Xerónimo doutorouse en medicina o ano 1525 e solicitou o seu ingreso no Colexio de Médicos de Milán. Ao descubrirse que era fillo bastardo as portas da institución pecháronselle. No entanto, logo de varias tentativas, e debido á fama adquirida entre os seus pacientes, foi admitido en 1539.
En 1545 Cardano publicou a súa obra matemática máis importante, Ars Magna, o primeiro gran tratado en latín dedicado exclusivamente á Álxebra. Nel expoñense os métodos de resolución das ecuacións de terceiro e cuarto grao, realízanse cálculos con números complexos e preséntase un método para a resolución aproximada de ecuacións de calquera grao.
Ademais das súas contribucións ao Álxebra, escribiu sobre Aritmética, Astronomía, Hidrodinámica, Mecánica, Medicina, Xeoloxía, Criptografía e Probabilidade.
En 1570 foi encarcerado por herexe, dado que publicou un horóscopo sobre a vida de Cristo.
Cardano morreu en Roma o 21 de setembro de 1576. Crese que se suicidou para non contradicir unha previsión astrolóxica sobre a data da súa morte.
|